Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

Feira Tradicional


As feiras en Galicia foron tradicionalmente sinónimo de “festa”, eran case como un día festivo: non se traballaba nas leiras, a xente vestíase coas mellores prendas, non había escola, os mozos ían a mocear, duraban todo o día, etc.

Non se sabe exactamente en qué data se iniciou a celebración da Feira en Cambre; sen embargo, xa no ano 1752 tiña lugar  o terceiro domingo de cada mes, segundo consta no Catastro do Marqués da Ensenada. Nesta época a Feira adicábase sobre todo a mercadear co gando vacún, pero tamén se trataba con ferramentas, panos e con toda clase de tecidos. A xurisdición sobre o Couto de Cambre correspondía ao Mosteiro bieito de Santa María que elexía Xuíz e, asemade, fiscalizaba a Feira. No territorio ou Couto sobre o que exercía xurisdición o Priorado,  facíao en términos feudais de vasalaxe, e dicir, por exercer ese señorío, o Mosteiro percibía de cada veciño un día de traballo e tamén cobraba o dereito de Luctuosa.

No ano 1804, segundo sinala Lucas Labrada no libro “Descripción económica del Reyno de Galicia”,  a Feira  seguíase a celebrar só o terceiro domingo de cada mes  e a ela “concurre el ganado bacuno, caballar, y pan cocido”. Como curiosidade Labrada tamén sinala que na parroquia de Santa María de Vigo se celebraba Feira o último domingo de mes, adicada sobre todo a “ganado vacuno” e a “algunos cerdos”.

Aínda que foi durante o período Constituinte de Cádiz, e en concreto coa promulgación da Constitución de 1812, cando se liberalizan os mercados e as feiras, non foi ata o ano 1853 (durante o reinado de Isabel II)  cando a lexislación se aplique efectivamente, non só no plano legal, de xeito que seguramente en calquera momento a partires desta data, a Feira de Cambre pasouse a celebrar dous días ao mes, e dicir, os actuais día 2 e 3º domingo de cada  mes.

A época de esplendor da Feira de Cambre (como en toda Galicia) debeu producirse durante o século XIX e boa parte do século XX, ata os anos 60-70 no que as condicións socioeconómicas do país galego estiveron a cambiar de xeito radical.

No ano 1900 o concello da Coruña decidiu celebrar feira todos os domingos de mes, nunha finca preto da estrada a Carballo. Estaba adicada  sobre todo ao gando vacún. Sen embargo, pouco despois decidíuse que o terceiro domingo de mes non se celebraría a devandita feira  “por haber la de Cambre”. (F. Tettamancy y Gastón, “Historia Comercial de La Coruña”, 1994, páx. 495)

A importancia debeu ser tanta que hai constancia de que os presupostos municipais de Cambre durante a Dictadura de Primo de Rivera (1923-1930) nutríanse exclusivamente das rendas que producían os arbitrios das dúas feiras mensuais. A principios do século XX a Feira aínda era un Souto de castiñeiros centenarios que posteriormente foron sustituídos polos actuais plátanos.

No ano 1860 prodúcese a desamortización de boa parte do Campo da Feira: no expediente da venda descríbense oitenta castiñeiros e 20 ferrados de terreno. A pesar da forte oposición do Concello, a venda en pública poxa levouse a cabo e arroxou un saldo para o Estado de 40 mil reais, cando anualmente rentaba ás arcas municipais a cantidade de 300 reais.

 

Entre os anos 1884  e 1895 prodúxose un feito fundamental que cambiou a fisonomía do que quedou sen vender logo da desamortización, a saber, a tala da meirande parte dos castiñeiros e a repoboación cos actuais plátanos. É a época de construción da estrada da Estación e da ponte das Ínsuas, feito que posibilitou a mellor comunicación do centro da vila coa estrada a Santiago e coas parroquias do Val de Veiga.

As Feiras máis concurridas e nas que se realizaban as transacións de maior importancia eran as que se celebraban nos meses de Maio e Xuño. Na reseña de Pedro Ferrer no “Portafolios” de 1904 indícase que ademáis do numeroso  gando vacún e gando “miudo”, acudían á feira “vendedores de telas y bisutería barata” e tamén o indispensable “ciego conturreador y pregonero de historias espeluznantes y de milagros estupendos”.

As feiras en xeral, como se estaba a dicir,  a partir dos anos 60-70 do século XX convertéronse en mercados, pois deixouse de tratar co gando en xeral.

ORGANIZACIÓN DA FEIRA EN CAMBRE A MEDIADOS DO SÉCULO XX:

Había, paralela á estrada e ao cemiterio, unha liña de postos para a venda de diversos produtos. Mirando cara a eses postos, da outra beira da estrada xa no Campo,  colocábase unha liña máis de tenderetes con mercadurías de semellantes características. Logo, indo cara ao norde e respectando a liña paralela, tamén dentro do Campo, ubicábanse as fiadas de bois; un pouco máis abaixo os cuxos aparellados para bois; logo os cuxos máis pequenos; a continuación as manadas de cuxos contra a  Casa Porto.

Nun lateral da feira do gando emprazábanse os postos para a  venda do pan (procedente de Carral), a venda de tecidos que procedían na súa maior parte de Betanzos, así como as ferramentas e outros aperos de labranza.

Onde hoxe está o parque infantil, estaban as “vacas secas”, e os cuxos para carne. Cara ao lugar onde actualmente se ubica a Casa do Concello situábanse as vacas preñadas e paridas (o lugar denominábase “Campo das Vacas”). Neste punto estaba emprazada a báscula municipal. Detrás destes terreos o lindeiro era   unha plantación de nogais así como a corredoira do Rocón. O Cruceiro estaba precisamente no inicio desta corredoira, na parte dereita da sé actual do Concello.

Toda a parte de abaixo do Campo Feira, lindando coa estrada do Temple, que hoxe se emprega como aparcamento, era o lugar onde se situaban os porcos.

Os productos da horta e o gando miudo colocábanse na praciña onde está a fonte, á beira do muro da Casa da Farmacia (hoxe praza Manuel Piñeiro e rúa do Cruceiro): había ovos, galiñas, coellos, verduras...

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal