Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

Paseo Fluvial

O río Mero e os seus afluentes constitúen sen dúbida o eixo vertebrador do municipio, percorrendo un dez quilómetros dentro do territorio municipal: comeza no encoro de Cecebre e acaba na ría do Burgo. Neste traxecto debuxa tres áreas paradigmáticas que conforman un amplo ecosistema de calidade ambiental única.

O encoro de Cecebre é o continuador actual da diminuída Fraga de Cecebre, escenario da non menos soada novela de Wenceslao Fernández Flórez "El Bosque animado". Este libro publicouse no ano 1943 e está considerado como unha obra fundamental da literatura española. Trátase, en efecto, dun dos traballos máis humanos e poéticos deste polifacético escritor coruñés. A novela foi trasladada ao cinema por vez primeira no ano 1987, filme dirixido por J. Luís Cuerda. Con todo non é até o ano 2001 no que se realiza a última versión en debuxos animados caracterizada pola fiel adaptación ao texto literario orixinal ao incorporar os animais da fraga, que faltaban na primeira versión.

As Fragas son contornos naturais caracterizados pola súa efervescente biodiversidade. Este especial carácter vén dado pola proximidade dos ríos e o grao de sol que reciben. A vexetación propia é de castiñeiros, carballos, salgueiros, bidueiros, piñeiros..., así como unha forte variedade de plantas, fieitos e  arbustos.

A proximidade do río e do encoro de Cecebre fan desta contorna unha unidade soamente rota polos asentamentos humanos máis ou menos recentes. Con todo, contemplando o bosque como unha sucesión de feitos  e factores económicos tan completo como espectacular, tamén veremos algo máis que un espazo simplemente poboado de árbores. En efecto, a estreita unión entre a flora e a fauna maniféstase con forza no territorio do concello de Cambre: os bosques, os ríos, o encoro..., todo iso participa na actividade social das especies animais que o poboan constituíndo un enrevesado, complicado e esplendoroso  tecido vivo no que toda intervención, engadindo elementos como a luz, a auga, a vexetación inferior ou os microorganismos, cumpren un papel fundamental. En suma, a integración destes espazos naturais permite contemplar un exemplo típico dos bosques autóctonos galegos.

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal